luns, 3 de novembro de 2025

NOVEMBRO MES DA CIENCIA NAS BIBLIOTECAS

 

 
 
"Para que a transformación requirida avance con solidez, o coñecemento
debe chegar a todos os niveis da sociedade. É esencial fortalecer a súa
transferencia ao tecido produtivo para que se traduza en valor engadido
para Galicia. Pero non só: cómpre reforzar a transferencia social do
coñecemento a través da divulgación, da cultura científica e da ciencia
cidadá, conectando a investigación coas necesidades reais da cidadanía
e fomentando unha sociedade máis informada, crítica e participativa.

As bibliotecas son parte esencial deste ecosistema: non só como
espazos físicos, senón como nodos de encontro, conexión social e
aprendizaxe permanente.A súa transformación dixital e social facilita que
o coñecemento circule, que a ciencia se comparta e que máis persoas
participen activamente, proporcionando as ferramentas para seguir
aprendendo, cuestionando e creando". 
 
Concepción Paz Penín 
 
 
 
Desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Conselleria de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo. Actualmente dirixe o Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos nesa universidade. No ano 2023 recibiu o premio María Wonenburger, que recoñece o labor das mulleres científicas galegas.
 
 
O manifesto para este ano 2025 abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder sementar e degustar a ciencia nas nosas bibliotecas escolares.

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais , relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc.