"Ser dona de ti mesma. Coma a humilde deusa campesiña que te habita. Con calcetíns zurcidos e chanclos de ouro. A túa propia materia prima. Eu son un ser crónico a ti mesma. Dona de ti e de máis nada".
Novo, Olga. (2022). Cráter. Kalandraka Editora
O Día Internacional da Muller 2024 reivindica os dereitos das mulleres baixo o lema: "Investir nas mulleres, acelerar o progreso", poñendo o foco nun mundo que se enfronta a múltiples crises que someten ás comunidades a unha inmensa presión, lograr a igualdade de xénero é máis vital que nunca. Garantir os dereitos das mulleres e as nenas en todos os ámbitos da vida é a única forma de asegurar o desenvolvemento sostible.
A Axenda 2030 marca como obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares, e actividades, de encontro e empoderamento.
Na publicación elaborada polo Grupo de Traballo "Bibliotecas e Axenda 2030" do Consello de Cooperación Bibliotecaria: "A implicación das bibliotecas españolas na Axenda 2030" apúntase que é tamén destacable o papel das bibliotecas, como institucións de fonte de coñecemento, á hora de acabar coa brecha de xénero, atender á diversidade de xénero, lograr a igualdade e empoderar ás mulleres e as nenas. Concienciar, difundir e apoiar iniciativas na liña sinalada pola propia ONU: «a igualdade entre os xéneros non é só un dereito humano fundamental, senón a base necesaria para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible». Se se promove a igualdade no acceso á educación, á atención médica, a un traballo decente, e unha representación nos procesos de adopción de decisións políticas e económicas, impulsaranse economías sostibles, igualitarias e máis humanas.
As bibliotecas escolares de Galicia traballan, todo o curso, en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica. Arredor desta data promoven actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a creación, a busca e tratamento da información ...