martes, 24 de outubro de 2023

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES 2024

Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro,  unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.

 
A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a  Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2023.  
 
"O lema deste ano, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns".
 
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender, lugares para descubrir, para encontrarse e convivir. A rede de bibliotecas escolares de Galicia leva moitos anos tecendo espazos de encontro nos que compartir experiencias e recursos, nos que conectar coa comunidade próxima ou a máis afastada, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida.
 
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
 
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia  UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS , e  quere poñer o foco na importancia do cómic na formación do itinerario lector, o cómic como un lugar no que encontrarse.