sábado, 4 de marzo de 2023

8M: POR UN MUNDO DIXITAL INCLUSIVO: INNOVACIÓN E TECNOLOXÍA PARA A IGUALDADE DE XÉNERO.

 "A invisibilidade social da experiencia das mulleres non é <<un fracaso da comunicación humana>>. Trátase dun sesgo tramado a nivel social que persistiu moito despois de que a información acerca da experiencia feminina estea dispoñible (e a favor da cal mesmo se insistiu publicamente)."

 
Russ,J. (2019). Cómo acabar con la escritura de las mujeres. Barret & Dos Bigotes
 
 
Día Internacional da Muller 2023 reivindica os dereitos das mulleres  baixo o lema: "Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero", facendo un chamamento aos gobernos, aos movementos activistas e ao sector privado para acelerar os seus esforzos por conseguir un mundo dixital máis seguro, máis inclusivo e máis equitativo. Nun momento no que nos enfrontamos a múltiples crises globais, temos a posibilidade de crear un futuro mellor, non só para as mulleres e as nenas, senón para toda a humanidade e toda a vida na Terra.
 

Axenda 2030 marca como obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares, e actividades, de encontro e empoderamento.
 
Na publicación elaborada polo Grupo de Traballo "Bibliotecas e Axenda 2030" do Consello de Cooperación Bibliotecaria: "A implicación das bibliotecas españolas na Axenda 2030"  apúntase que é tamén destacable o papel das bibliotecas, como institucións de fonte de coñecemento, á hora de acabar coa brecha de xénero, atender á diversidade de xénero, lograr a igualdade e  empoderar ás mulleres e as nenas. Concienciar, difundir e apoiar iniciativas na liña sinalada pola propia ONU: «a igualdade entre os xéneros non é só un dereito humano fundamental, senón a base necesaria para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible». Se se promove a igualdade no acceso á educación, á atención médica, a un traballo decente, e unha representación nos procesos de adopción de decisións políticas e económicas, impulsaranse economías sostibles, igualitarias e máis humanas. 
 
As bibliotecas  escolares de Galicia traballan, todo o curso, en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica. Arredor desta data promoven actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a creación, a busca e tratamento da información ...