xoves, 23 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA

 A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Para a edición de 2023 Carme Adán foi a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 25 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2023 é: 

                        #cumpriuseaxustiza

 “Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo."

“Que a man tembrosa no papel só escriba

palabras, e palabras e palabras!”  

"Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?."


FONTE:AELG