xoves, 28 de xuño de 2018

Visita de Jorge Mira


Co gallo do ano adicado á ciencia, o día 10 de maio, visitounos  o recoñecido físico e divulgador científico Jorge Mira.

Deu unha charla moi entretida sobre ”Os tamaños no sistema solar” ao alumnado de 3º a 6º de Ed. Primaria. Primeiro no salón de actos fixo unha introducción comparando os tamaños dos planetas. Despois saímos ao patio para representalos a escala comparando as distancias entre os mesmos, para o cal empregou distintos obxectos cotiás e unha cinta métrica enoooorme!

Foi unha experiencia interesante, enriquecedora e motivadora, que espertou moi probablemente a futuros/as científicos/as: físico/a,  astrónomo/a... 

A continuación, deixámosvos co video da charla. 

Visita de Raquel Castro 26/04/2018

Visitounos a escritora Raquel Castro para darnos unha pequena charla ao alumnado de 5º e 6º de Primaria sobre o seu libro "Bestiario doméstico".
Descubrimos a unha escritora moi cercana que nos adicou un exemplar da nosa Biblioteca.


Día do libro 2018


O 23 de abril celebramos este día dun xeito singular e diferente ó de anos anteriores, asistindo á actuación no salón de actos do gran Mago Marco.

Fixo dúas funcións máxicas nas que varios alumnos e alumnas do centro, e incluso un par de mestres!, colaboraron con el no esceario para diversos trucos. Foi unha xornada diferente e moi divertida, na que tamén nos explicou algún truco. 

A maxia está máis presente dende entón no noso colexio…





Día de Rosalía de Castro 2018


             Por primeira vez, o día 23 de Febreiro celebramos o día de Rosalía no noso colexio, xa que o propio día (24 de Febreiro) non era lectivo.

            Cantamos todos xuntos no patio a versión de Astarot “Adiós ríos, adiós fontes”,  e despois cada curso recitou unha estrofa do poema “Como chove miudiño”. Ambos títulos pertencentes á bibliografía de Rosalía de Castro.

Polo Nadal participamos no concurso "Vindevideos"


Dende a Biblioteca propúxose ao alumnado participar neste proxecto. Estaba relacionado coa volta a Vigo (dende Nova York) do Pergamiño Vindel para a súa exposición de outubro a marzo no Museo do Mar. Exposición que posteriormente visitamos cos nosos mestres e mestras. Ainda que o tema era complicado, as ideas comezaron a xurdir e o que ao principio ía ser un vídeo convertiuse en dous: “A historia do pergamiño” e “O rap do Sensat”.

Non saímos seleccionados, pero disfrutamos co proceso de creación e aprendemos un montón sobre o Pergamiño, a súa historia, o autor Martín Códax, e Vindel, o libreiro que o atopou forrando un libro.

Día das Bibliotecas Escolares 24/10/2017

Celebramos este ano o día das Bibliotecas Escolares baixo o título "Un libro por unha flor".
Pedíuselle aos nenos e nenas, dende os máis pequeniños atga os  maiores, que deseñaran e fixeran na casa unha flor con material reciclado preferentemente. Despois expuxéronse todas as flores no patio do colexio creando un bonito e colorido xardín.
Ao longo da mañá, foi pasando pola Biblioteca todo o alumnado para recoller un libro a cambio da flor que cada quen fixo con ilusión.